Facendo Empresa chega á TV e á Radio

As sociedades laborais galegas promocionan a súa marca colectiva nos medios públicos galegos

AESGAL  (Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia) está a realizar unha campaña en radio e televisión para dar a coñecer as potencialidades das sociedades laborais.

AESGAL segue a difundir a marca Facendo Empresa, que aglutina ás sociedades laborais galegas. Esta marca recoñece os valores que impregnan ás sociedades laborais, coma parte do colectivo de entidades da economía social.

Estes valores, especialmente a prevalencia das persoas e do obxecto social por enriba do capital, son cada vez máis importantes de cara á toma de decisións de consumo.

Esta promoción da marca ten dous obxectivos principais. O primeiro deles trata de aumentar o número de empresas que a utilizan, dándolle visibilidade así a implicación das persoas que crean e manteñen a empresa. O segundo busca a concienciación da cidadanía galega, especialmente dos potenciais clientes e provedores das sociedades laborais, das súas bondades e a súa capacidade de resposta a unha sociedade cada vez máis consciente da importancia da implicación dos sectores produtivos na súa contorna.

Serán os medios públicos da comunidade, Radio Galega e Televisión de Galicia, os que emitan as cuñas e o anuncio realizados por AESGAL dada a súa amplísima implantación no territorio.

Está  previsto acompañar esta campaña dunha xornada de networking entre as empresas usuarias da marca, que se realizará en Santiago de Compostela o vindeiro 29 de setembro, da que daremos conta proximamente.

 

Este proxecto conta co financiamento da Xunta de Galicia, dentro das actividades de promoción da economía social a través da Rede Eusumo.

 

Mais información:

Web Facendo Empresa: www.facendoempresa.gal

 

 

+ noticias >>