Entrega de premios Proxectos Visibles

O 22 de outubro foron entregados os premios da II Edición do Concurso Proxectos Visibles

O pasado 22 de outubro celebrouse un acto no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura para entregar os premios aos Proxectos Visibles 2014, cunha interesante sesión de networking na que os participantes de 2013 e os deste ano tiveron oportunidade de presentar os seus proxectos e establecer vías de colaboración.

Con isto finaliza a segunda edición deste concurso promovido pola Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) e financiado coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar dentro das actividades da Rede Eusumo de promoción das sociedades laborais e cooperativas.

A Rede Eusumo procura o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfroteirizo, prestando apoio directo á creación e consolidación con base na economía social no territorio de actuación.

O Concurso Proxectos Visibles ten coma obxectivo, ademais de xerar comunidade ao redor das sociedades laborais e dalas a coñecer, identificar proxectos que seguen os nosos principios, especialmente a importancia das persoas e o que teñen en común, e salientar o importante que é nestes tempos que a sociedade descubra novas formas de facer empresa e actividade económica, de forma sostible e respectuosa coas persoas e co contorno.

Os proxectos gañadores do concurso Proxectos Visibles 2014 son Movendo SAL, Cogami, e Krug Naval SAL. A reunión do xurado, que tivo lugar onte, tras o peche da votación on line, decidiu por unanimidade a posta en valor destes tres proxectos no ámbito das sociedades laborais e a economía social. 

 

 

Categoría A: Sociedade Laboral de recente creación: Movendo SAL.

O xurado de Proxectos Visibles considera que o proxecto presentado trátase dunha ferramenta innovadora que permite en esencia dar resposta a unha inquietude crecente na cidadanía de estar en contacto cos servizos públicos e permite aos concellos xerar información de calidade para facilitala de forma accesible e dinámica. Pola orixinalidade da proposta empresarial e a capacidade da empresa para transmitila.

As empresas finalistas desta categoría foron, ademais da gañadora, SELL4YOU STORE SLL (marca comercial Crececrece), BORRÁS, PICAZO Y ASESORES SLL (marca comercial 2bedigital) E IMPERNOROESTE SLL.

Categoría B: Proxecto social: COGAMI. Pola transcendencia que supoñen as iniciativas de Cogami en relación co emprego, tanto para as persoas traballadoras coma para as empresas que as contratan, pola transparencia coa que xestionan a súa intermediación, pola claridade da información que transmiten e a capacidade de converter a dificultade do colectivo co que traballa en oportunidade. O xurado considera que Cogami prima ás persoas por enriba de calquera outra consideración, traballando en beneficio da igualdade de oportunidades e dos intereses que teñen en común tanto empregados como empregadores.

As entidades finalistas desta categoría foron TERRA RENDIBLE, DALLEQDALLE E MUNDO PIRULETA.

Categoría Mención Honrosa: KRUG NAVAL SAL. O xurado valorou sobre todo nesta empresa o mantemento do emprego a pesar das dificultades derivadas do maduro do sector, e especialmente o esforzo internacionalizador e a grande calidade do seu contido en rede, alimentando especialmente o seu canal de Youtube.

Nesta categoría ás empresas finalistas, todas a proposta dos membros do xurado, foron (ademais da gañadora) 10D10 SOLUCIONES ACERTADAS SLL e LUGAR DA VEIGA SLL.

 

 

O xurado desta edición estivo composto polas seguintes persoas:

Iolanda Gomis Parada. Socia traballadora en Tagen Ata S. Coop. Galega.

Lucía Gómez Estévez. Directora de Social Media de Elogia, unha importante empresa de márketing on line.

Rosa Mary Cardeso Trillo. Responsable do Dpto. de Creación de Empresas e Xerente do Viveiro de Empresas, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

Xoan Miguel Concheiro Abal. Subdirector de Cooperativismo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Leticia Jorge Santamaría. Xerente de AESGAL.

 

A intención de AESGAL con este proxecto é de continuidade, achegando a novas entidades de cara a futuras edicións para amplialo e enriquecelo.

AESGAL tamén quere agradecer a todas as persoas, institucións e empresas que colaboraron na súa difusión e que apoiaron esta iniciativa, tanto aos centros da Rede Eusumo, destacando a colaboración da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Cidade da Cultura, coma á Subdirección de Cooperativismo e Economía Social.

Pero especialmente, ás empresas e entidades participantes no concurso, cheo de boas ideas que merecen difusión: Grazas.

A web de referencia desta iniciativa é visibles.aesgal.org

+ noticias >>